Saturday 04 de May de 2024

Feijóo afirma que a evolución do naval galego nos últimos dous anos permitiu pasar dun sector que zozobraba a un que navega a velocidade de cruceiro


Refírese así a uns contratos que suman máis de 2.217 millóns de euros, entre os encargos en carteira e os que están a punto de pecharse

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que a evolución do naval galego nos últimos dous anos permitiu pasar dun sector que zozobraba a un que navega a velocidade de cruceiro. “En catro anos fomos capaces de pasar dun sector paralizado e ao que se miraba con preocupación, a un sector en pleno dinamismo e cuxo futuro se contempla con ilusión”, dixo, incidindo en que a profesionalidade dos estaleiros e dos seus traballadores, xunto coa implicación da Xunta, sementaron unha imaxe de prestixio e solvencia do sector que axudan a recoller os froitos.

Cos estas palabras referiuse, durante a cerimonia de bautizo, botadura e lanzamento do Buque de Investigación Oceanográfica con capacidade polar B.A.P. Carrasco para a Mariña de Guerra do Perú, a uns contratos que suman máis de 2.217 millóns de euros para o sector naval galego, entre os encargos en carteira e os que están a punto de pecharse.

Sobre este último punto, Feijóo asegurou que de confirmarse a noticia do contrato entre Navantia Ferrol e a Armada australiana para a construción de dous buques de aprovisionamento de combate, estes navíos suporán case 500 millóns de euros, o contrato máis valioso firmado por este estaleiro público en case unha década. Ademais de garantir unha carga de traballo duns catro anos.

“Os floteis dos que se falaba en 2012 xa están nas gradas de Navantia e Barreras; os nosos estaleiros privados teñen outros 18 buques na súa carteira de pedidos e as perspectivas que se abren para o futuro invitan ao optimismo”, afirmou a modo de resumo, lembrando que en só un ano, entre 2014 e 2015, a carteira de pedidos do sector naval duplicou o seu tamaño e pasou de 9 a 19 barcos. E a carga de traballo é un 50% maior que hai un ano, atendendo ao índice de actividade ponderada. O que supón que tres de cada dez barcos que se constrúen en España estanse a facer nos nosos estaleiros.
Vitalidade do sector e mostra do vigor da cooperación entre Perú e Galicia
O titular da Xunta referiuse á botadura deste oceanográfico como unha proba máis da vitalidade do sector naval galego e unha mostra do vigor da cooperación entre Perú e Galicia, revitalizada durante a última visita que realizamos a este país, en febreiro do ano pasado.

“Este buque revela que unha das principais potencias navais de América do Sur, a República de Perú, confía nos nosos estaleiros”, aseverou, lembrando que a proposta da empresa Freire foi a máis atractiva e solvente, fronte a competidores canadenses e coreanos, entre outros.

Feijóo precisou que este buque foi adquirido por case 100 millóns de euros, está deseñado para navegar en augas con fortes correntes e con gran presenza de xeo “e, desde hoxe explorará os mares, e levará un anaco de Galicia ás augas peruanas e ás da Antártida”.